LG presenta monitores IPS cun refresco de só 1 milisegundo

mércores, 12 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Elixir un bo monitor para xogar non é doado, xa que existen distintas tecnoloxías con cadansúa vantaxe, e aínda que normalmente os usuarios fuxían do monitores con paneis con tecnoloxía IPS pola súa reducida taxa de refresco, LG quere mudar a tendencia e amosou os monitores LG UltraGear Nano IPS nVIDIA G-Sync, que grazas á tecnoloxía Nano IPS conseguen unha fenomenal reprodución das cores á vez que gozan dunha resposta ultrarrápida (1 milisegundo) e dunha velocidade de refresco de 144 Hz (que pode chegar até os 175 Hz), conseguindo así unha experiencia de xogo moi satisfactoria.
Estes novos paneis de LG chegan en dous monitores diferentes, de 38 e 27 polgadas, con resolucións de 3.840 x 1.600 píxeles e 2.560 x 1.440 píxeles respectivamente, ou sexa, que o de maior tamaño opta por unha relación de aspecto máis cinematográfica (xa que a súa pantalla curva ten unhas proporcións de 21:9).
O monitor de 27 polgadas ofrece un brillo típico de 350 nits e HDR10, mentres que o modelo de 38 polgadas cos seus 450 nits consegue certificación VESA DisplayHDR 400, e tamén destaca por incluír Sphere Lighting 2.0 (iluminación traseira RGB que adopta cores en función do que se ve na pantalla para crear un ambiente máis confortable).
Estes novos monitores contan con modo Dynamic Action Sync e estabilizador de negros, así como outras opcións deseñadas especificamente para videoxogos. Teremos que agardar ao terceiro trimestre do ano para atopalos nas tendas europeas.

PUBLICIDADE