LG pon á venda o seu televisor enrolable

martes, 20 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Un dos produtos de LG que máis atención captou nos últimos tempos foi o seu televisor enrolable , que até o momento limitara a súa presenza a feiras de electrónica de consumo, demostrando o potencial desta tecnoloxía pero sen chegar a pasar pola proba do mercado até agora, xa que por fin sae á venda o LG Signatura OLED R (modelo RX) a un prezo de 100 millóns de wons (74.357 euros).
O elevado prezo deste televisor deixa claro que non estamos ante unha tecnoloxía que vaiamos ver nos nosos fogares en breve, pero o feito de que un televisor con pantalla OLED de 65 polgadas poida enrolarse automaticamente na súa base permite innovar á hora de deseñar os espazos nos que queremos gozar de contidos audiovisuais só en momentos puntuais.
Aínda que o televisor con pantalla enrolable sexa actualmente un produto de luxo, confíase en que as pantallas flexibles poidan abrir novos vieiros para a innovación, achegando versatilidade a espazos e dispositivos orientados tanto á mobilidade como a espazos cada vez máis específicos e personalizados.

Os televisores enrolables de LG estiveron presentes na pasada edición da feira CES de Las Vegas