LG pon á venda a súa cámara de acción que retransmite vídeo en directo por YouTube

martes, 19 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Hai un par de meses LG anunciou unha nova cámara deportiva dentro da familia de produtos Friends, e agora sae á venda en Corea do Sur e que nas vindeiras semanas chegará a outros mercados para facilitar tanto a gravación de vídeos deportivos ou ao aire e incluso a súa retransmisión en directo a través da Rede.
A LG Action CAMLTE é un produto robusto (soporta po, area e incluso pode somerxerse até media hora a un metro de profundidade), que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 650, sendo capaz de retransmitir vídeo en directo en servizos como YouTube Live a través de redes móbiles 3G ou 4G, converténdose así nunha opción moi interesante no contorno actual no que o vídeo en directo está a causar furor nas redes sociais.
A través da aplicación oficial de LG é posible acceder ás imaxes e vídeos rexistrados pola nova cámara de LG, sendo a cámara capaz de gravar até 3 horas de vídeo Full HD, e podendo empregarse tamén a LG Action CAMLTE como cámara de seguridade doméstica.
A cámara ten un sensor de 12,3 Mpíxeles cun grande angular de 150 graos, conta con conectividade 4G, 3G, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e USB-C 2.0, GPS, unhas dimensións de 79,7 x 35 x 35 milímetros e un peso de 99 gramos, contando con adaptadores para poder adherila a cascos, guiadores... para facilitar a gravación de actividades deportivas. O seu prezo de venda é de 399.300 wons (316,54 euros).

A cámara de LG ten carcasas que facilita o seu uso con numerosos accesorios

PUBLICIDADE