LG podería ter parado a produción do Nexus 4
venres, 11 de xaneiro do 2013
Dende o día do seu lanzamento, facerse cun Nexus 4,
posiblemente o smartphone coa mellor relación calidade-prezo que se fixo nunca
(dispoñible
libre por 299 euros no seu modelo máis básico), parecía unha misión
imposible, pois cada vez que se abría a posibilidade de compra do dispositivo
en Google Play voaban os móbiles en poucos minutos, o que parecía responder a
unha política de contención para que o agresivo prezo do smartphone non
lesionase ás vendas doutros móbiles, e cando o número de Nexus 4 vendidos
segundo certas previsións estaría preto das 400.000 unidades chegan
novas de que LG xa parou a súa produción.
Se temos en conta que a finais de febreiro terá lugar o Mobile World Congress
en Barcelona podemos entender que Google presentará en breve outro móbil
insignia, e LG podería estar xa a traballar neste sucesor do Nexus 4, do que
polo momento non hai novas (rumoreándose que tería un procesador de 4 núcleos a
2 GHz e Android 4.3).
Todo isto coméntase en boa porque James Fisher (LG) comentou durante o CES que
o Nexus 4 era só “o primeiro de moitos”
produtos Nexus nos que están a traballar, sen esquecer que, como acontece
actualmente, hai outros 2 fabricantes traballando en tal familia de produtos (o
Nexus 7 está fabricado por Asus e o Nexus 10 por Samsung). Curiosamente aínda
non se sabe nada de ningún novo produto oficial de Google fabricado por
Motorola (fabricante adquirido hai meses pola compañía de Mountain View).