LG comeza a vender internacionalmente un pequeno proxector de vídeo de alta definición

luns, 20 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Sen entrar no segmento dos pico-proxectores, LG está a comezar a distribución internacional do que aseguran que é o proxecto portátil máis pequeno do mercado, o LG HD MiniBeam (modelo PH300) que combina elementos como unha transportabilidade elevada, unha boa experiencia visual e unha lámpada LED de longa vida (até 30.000 horas).
Este novo proxector de vídeo ten unha resolución nativa de 1.280 x 720 píxeles (o que resulta notable para un dispositivo que só mide 103-113 x 85 x 54-64 milímetros e pesa 430 gramos), ten unha relación de contraste de 100.000:1, pode xerar unha pantalla de 100 polgadas a unha distancia de 3,75 metros, pode presentar documentos de Office e películas DivX HD achegadas a través de USB, conta con entrada HDMI (compatible con MHL) e pode operar tanto cun adaptador de corrente como cunha batería interna de 3.000 mAh (o que supón unha autonomía de até 2,5 horas).
Este dispositivo resulta ideal para o seu uso con ordenadores portátiles e incluso dispositivos móbiles, para ver contidos multimedia ou realizar presentacións, aínda que para facer tal é preciso limitar as proxeccións a localizacións con moi pouca luz ambiental, xa que o proxector ten un brillo de só 300 lumenes ANSI.
O LG HD MiniBeam tamén integra un par de altofalantes de 3 watts cada un, inclúe mando a distancia e incluso é compatible con WiDi e Miracast (facilitando a clonación da pantalla dun ordenador ou dun dispositivo móbil).

O novo proxector de LG ofrece unha imaxe ben definida pese ao seu reducido tamaño

PUBLICIDADE