LEGO Indiana Jones supera en vendas a Metal Gear Solid 4

martes, 24 de xuño do 2008 Marcus Fernández

As listaxes de vendas de videoxogos normalmente presentan resultados separados por plataformas, o que pode dar a entender que as vendas dalgúns títulos son superiores á realidade, e que as novas consolas acadan uns resultados moi bos cando o certo é que o lastre das plataformas anteriores aínda inflúe moito, e coma exemplo temos a listaxe de vendas no Reino Unido (que normalmente se poden trasladar ao resto de Europa) na que o agardado Metal Gear Solid 4: Guns of Patriots para PS3 caeu á segunda posición, xa que LEGO Indiana Jones conseguiu liderar ás vendas en boa medida porque sumou os resultados das súas versións para PC, Xbox 360, PS3, PS2, PSP, Nintendo DS e Wii.
O terceiro título na listaxe é Alone in the Dark(para Xbox 360, PS2, PC e Wii), seguido de Grand Theft Auto IV (para PS3 e Xbox 360), confirmando que os xogos multiplataforma conseguen sumar uns mellores resultados, o que ratifica Guitar Hero III (para Xbox 360, PS3, PS2, PC, Nintendo DS e Wii), que se mantén no 9º posto pese a que xa leva máis de medio ano á venda.
Revisando a listaxe de vendas británica podemos ver que a meirande parte dos xogos son multiplataforma, e o único fabricante que é capaz de acadar bos resultados sen apostar por consolas doutras compañías parece ser Nintendo, mentres que a PS3 e a Xbox 360 aínda non teñen boa sorte cos seus títulos exclusivos, polo que a alta definición non parece estar a ser un factor chave á hora de mercar xogos.

PUBLICIDADE