LEGO Dimensions chegará a España en setembro

venres, 8 de abril do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de setembro saíu á venda o xogo LEGO Dimensions, como un deses títulos que combina bonecos físicos coleccionables con aventuras dentro das consolas de videoxogos, que tanto éxito tiveron nos anos, pero curiosamente este título de TT Games deixou de lado o mercado español, de xeito que os que querían facerse con este xogo mesturaba personaxes tan variados como os protagonistas de Regreso ao Futuro, Batman, Superman, o Doutor Who, os Cazafantasmas, Scooby-Doo, Gandalf, Bart Simpson ou os personaxes de La LEGO Película, tiñan que facerse cunha copia de importación, algo moi pouco habitual no noso territorio, e ao que van pór remedio, aínda que con pouca presa, xa que veñen de confirmar que LEGO Dimensions comercializarase en España o vindeiro mes de setembro.
Non se entende moi ben como é posible que este xogo para Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3, PlayStation 4 e Wii U chegue a España cun ano de retraso, aínda que é posible que os responsables da súa distribución decidisen restrinxir xeograficamente a súa comercialización durante os primeiros meses para evitar os problemas de provisión dos lotes de figuras para este título, como aconteceu no seu día coas figuras Amiibo de Nintendo, e que unha vez estabilizada a demanda decidisen abrir o xogo a novos mercados, o que farán dignamente, xa que o xogo chegará localizado en texto e voces.
LEGO Dimensions achega unha experiencia semellante aos moitos xogos da franquía LEGO, pero coa diferenza de mesturar personaxes e escenarios de distintas marcas, dando pé a situación inéditas e sorprendentes, como as áreas secretas dos Simpson, nas que podemos visitar escenarios que corresponderían aos seus equivalentes pasados e futuros (os Picapedra e os Supersónicos).

PUBLICIDADE