L.A. Noire contará con máis de 50 horas de diálogos

luns, 17 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Hai tempo que os videoxogos pasaron de ser un produto desenvolvido por catro rapaces nun garaxe (con contadas excepcións) para corresponder a grandes proxectos á altura das super-producións de Hollywood, tanto en orzamento coma en vendas, e coma exemplo deste paralelismo Brendan McNamara de Tream Bondi vén de declarar que para o xogo L.A Noire capturaron «sobre 50 horas de diálogo en total, utilizando MotionScan» ou sexa, que esta aventura que permitirá explorar a cidade de Los Angeles en 1947 contará cuns contidos de voz e subtítulos comparables aos de 2 tempadas dunha serie de televisión, aínda que cómpre subliñar que non estamos a falar de diálogos consecutivos, senón que o xogo evolucionará segundo as decisións que vaiamos tomando, o que dotará ao xogo de grande rexogabilidade.
Este xogo de RockStar para Xbox 360 e PlayStation 3 que chegará ás tendas en primavera sería o primeiro título deste estudo en empregar MotionScan, tecnoloxía que engade os xestos faciais á dobraxe que realizan os actores para reflectilos no xogo, o que será de grande utilidade, pois parte da mecánica do mesmo será a interpretación de interrogatorios policiais, polo que a lectura de pistas emocionais xogará un papel moi importante.
Esta tecnoloxía podería converterse en todo un estándar nos xogos de RockStar que se acheguen a esta fórmula, por contribuír ao realismo da dobraxe de voz, que superaría sobradamente ás técnicas empregadas habitualmente nas películas de animación.

PUBLICIDADE