Kongregate deixa de aceptar novos xogos para a súa web

venres, 3 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Kongregate é unha páxina web creada en 2006 que durante anos gozou de moito sona por ofrecer xogos en Flash que funcionan directamente no noso navegador web, chegando a superar o seu catálogo os 128 mil xogos, pero agora que a tecnoloxía Flash está a piques de rematar a súa extinción absoluta, anuncian que deixan de recibir novos xogos en Kongregate.com.
Neste momento Kongregate xa non recibe ningún xogo máis na súa plataforma, nin permite que os creadores de xogos actuais creen novas insignias para os mesmos, ou sexa, que deixan de dar soporte a boa parte da súa plataforma en liña de videoxogos, mantendo o catálogo dispoñible para os xogadores.
Nas vindeiras semanas continuarán o desmantelamento de boa parte das prestacións desta plataforma, de xeito desactivarán as salas de chat asociadas aos xogos (mantendo só as duns 20 títulos), eliminarán os seus foros de temáticas alleas aos videoxogos e farán que moitos outros foros pasen a un estado de só lectura, ou sexa, que reducen a súa infraestrutura ao mínimo para que continúe en liña, pero non precise de grandes recursos para o seu mantemento.
Estas medidas non serían unicamente consecuencia da perda de uso da tecnoloxía Flash, senón tamén da pandemia, xa que os cambios no mercado dos videoxogos provocados polo confinamento levaron a que Kongregate pasase uns momentos complexos dos que está a saír con medidas como despedimentos e a redución do soporte dos xogos con tecnoloxías obsoletas, centrando os seus esforzos actuais no desenvolvemento de novos xogos.
Haberá que ver como remata esta historia, pero non semella que o que hai uns anos era un xigante do xogo na Rede poida recuperar posicións nun mercado que cada día é máis competitivo.

PUBLICIDADE