Kodu Game Lab facilita a creación de xogos sinxelos para Xbox 360

mércores, 1 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Facer videoxogos non ten por qué quedar restrinxido a grandes grupos de traballo, con altos coñecementos técnicos e moita dedicación, senón que case calquera usuario da Xbox 360 pode facer o seu propio xogo afeccionado grazas a Kodu Game Lab, unha aplicación que pode adquirirse a través do Bazar de Xbox LIVE por só 500 puntos (4,8 euros) e que combinando preto de 200 ferramentas de programación diferentes facilita a creación de xogos de plataformas, carreiras ou acción.
Coa aplicación créase un terreo e os seus accidentes xeográficos, incorpóranselle personaxes de todo tipo con certa vida e incluso pode incorporarse un modo cooperativo para un máximo de 4 xogadores (cun total de 20 personaxes predeterminados con distintas habilidades).
As creacións elaboradas con Kodu non serán moi avanzadas, pero incluso poden compartirse cos amigos a través de Xbox LIVE, aínda que a ferramenta pode entenderse coma un xogo en si mesmo, resultando incluso máis divertido crear un xogo que gozar do mesmo.

Impresións sobre Kodu durante a celebración do CES 2009


Exemplo de xogo de plataformas creado co Kodu Game Lab