Kingston comercializará memorias USB con 2 TB de capacidade

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

No mes de febreiro Kingston vai elevar un chanzo a capacidade das unidades de memoria USB coa súa DataTraveler Ultimate GT, que con conectividade USB 3.0 conseguirá non só achegar 1 TB nunhas dimensións reducidas, senón que tamén contará con versión con 2 TB de capacidade, de xeito que poderemos transportar a información dun disco duro enteiro nun trebello co tamaño dun paquete de chicles.
Para manter seguro tal volume de información a nova unidade de Kingston está encapsulada nunha aliaxe de zinc moi resistente e, pese á emerxencia dos conectores USB-C, opta por un conector USB tradicional. Aínda que de momento non se coñece o prezo desta unidade, non sería de sorprender que, aparte de ser a memoria USB de maior capacidade do mundo, tamén fose a máis cara (lembremos que, por exemplo, unha unidade Kingston HyperX Predator de 1 TB custa 1.749 euros).

PUBLICIDADE