Kinect chegará ao mercado con 17 xogos

luns, 18 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro 10 de novembro agárdase a chegada ás tendas do Kinect de Microsoft, sistema de control de movemento baseado nunha cámara con sensor de posición que revolucionará o xeito de entender a Xbox 360 e que vén de confirmar o seu catálogo de títulos inicial, que vai ser bastante xeneroso, pois segundo Larry Major Nelson Hryb estará composto por 17 xogos entre os que destacan especialmente os desenvolvidos en colaboración cos Microsoft Game Studios (Kinect Adventures, Kinectimals e Kinect Sports) e o prometedor Dance Central de MTV Games. Podemos ver que dentro da relación de xogos publicada predomina a temática ocasional, ao máis puro estilo da Wii, que parece ser a orientación que Microsoft quere darlle a Kinect, buscando replicar o éxito da consola de Nintendo nos xogos con control de movemento.
A listaxe de xogos iniciais para Kinect sería a que segue:
- Kinect Adventures (Good Science Studio/Microsoft Game Studios)
- Kinectimals (Frontier Developments Ltd./Microsoft Game Studios)
- Kinect Sports (Rare/Microsoft Game Studios)
- Kinect Joy Ride (Microsoft)
- Game Party: In Motion (Warner Bros. Interactive Entertainment)
- Harry Potter and the Deathly Hallows: Part 1 (Electronic Arts/EA Bright Light)
- Your Shape: Fitness Evolved (Ubisoft)
- Dance Central (MTV Games/Harmonix)
- EA Sports Active 2 (EA Sports)
- The Biggest Loser: Ultimate Workout (THQ)
- DanceEvolution (Konami)
- Zumba Fitness (Majesco)
- MotionSports (Ubisoft)
- DECA Sports Freedom (Hudson Entertainment)
- Adrenaline Misfits (Konami)
- Fighters Uncaged (Ubisoft)
- Sonic Free Rider (Sega)
Durante estes días tamén se confirmou que un dos grandes problemas detectados nos últimos meses nas versións de proba de Kinect, a detección de movementos en persoas sentadas, vén de ser solucionado a través dunha actualización do software que é capaz de seguir os brazos do usuario pese a que teña o torso pegado a un sofá. Temos así que pouco a pouco, actualización tras actualización, Kinect vai aproximándose ao que prometeu Microsoft hai uns meses, de xeito que o éxito desta plataforma dependerá principalmente do seu catálogo de xogos e non da súa tecnoloxía.

PUBLICIDADE