Kim Kardashian paga 1,26 millóns de dólares por ter promocionado criptos

martes, 4 de outubro do 2022 Marcus Fernández

A SEC (organismo estadounidense equiparable á CNMV) anunciou un acordo con Kim Kardashian por mor da súa promoción de criptoactivos, concretamente da marca EthereumMax, sen ter indicado claramente que se trataba dunha promoción pagada.
A celebridade aceptou pagar unha sanción de 1,26 millóns de dólares e non anunciar criptos durante 3 anos, rematando así coa investigación da SEC, organismo que comprobou que a máis coñecida das irmás Kardashian recibira 250.000 dólares para promocionar a venda de tokens de EMAX cunha ligazón que levaba á páxina web de EthereumMax.
Dende a SEC queren que este caso sirva de exemplo para celebridades e influentes á hora de apoiar oportunidades de investimento (incluíndo criptoactivos), xa que hai que dar conta a capacidade de cada tipo de investidor para asumir os riscos propios de cada tipo de operación. O organismo federal tamén destaca que cando calquera individuo promociona criptos ten que ser transparente coa compensación económica que recibe, xa que os investidores teñen que estar informados dos posibles nesgos da publicidade.

PUBLICIDADE