Kaspersky desvela no seu informe de marzo novas loitas internas entre os virus máis temidos

martes, 3 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Kaspersky Lab vén de dar a coñecer os “nomes” dos vinte virus máis temidos de Internet en marzo de 2007, ou sexa de aqueles programas nocivos da Rede dos que temos que fuxir como do diaño (sobre todo se usamos programas de navegación e sistemas operativos de software especialmente vulnerable). Segundo apunta a empresa especializada en seguridade informática, o panorama dos virus está máis activo ca nunca, como se pode deducir do feito de que cada mes haxa un novo líder do “ranking dos vinte” seguido unha listaxe completamente nova de infeccións con respecto á anterior.
Ademais, semella cada vez máis claro que hai unha industria dos virus, con claras relacións de competencia entre uns e outros e con intereses enfrontados, segundo apunta Kaspersky.
Polo tanto, a cousa vai por ciclos, coma se dunha serie de plagas en cola se tratase (ou como de disputas entre clans por facerse polo reinado): a finais de 2006 os vermes da familia Warezov foron os máis activos, asolagando a Rede durante tres meses, para logo seren aparentemente borrados polos Bagle, converténdose un membro desta familia nun dos máis espallados no trasfego de correo electrónico mundial. En febreiro repuntaron os do grupo Zhelatin, especializados en enviar correo lixo dende os computadores que infectan, o que provocou un incremento do spam ó longo das últimas semanas. En marzo, o líder foi o virus Trojan-Spy.HTML.Bankfraud.ra, un correo de intento de fraude bancario (tipo de phishing) común enviada millóns de veces por todo o mundo. Este troiano dirixía os seus ataques ós clientes de Branch Banking And Trust Company (BB&T) para convidalos a visitar sitios falsos que os delincuentes tiñan rexistrados en Croacia e nas Illas Cocos.
Ó longo do mes de marzo tamén cómpre salientar a incidencia do Bagle.gt.

PUBLICIDADE