Julián Cerviño destaca que o CECIGA permitirá a Galicia afianzarse na vangarda da ciberseguridade

xoves, 3 de outubro do 2024 S. P.

O futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), que terá a súa sede na Tecnópole de Ourense, “converterá a provincia nun referente en ferramentas e servizos dixitais protexidos e permitirá á Comunidade manter a dianteira na innovación e desenvolvemento desta tecnoloxía”. Así o aseguraba este xoves 3 de outubro o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, na inauguración da Xornada Galicia segura: innovación e ciberseguridade.
O responsábel da Axencia autonómica sinalou que o CECIGA “conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros, dos que 4,1 millóns corresponden aos orzamentos deste ano”. Lembrou, tamén, que neste 2024 “está previsto que se inicie a posta en marcha do Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa”, unha iniciativa do Programa RETECH cun orzamento de 58 millóns de euros dos que 19 corresponden a Galicia e no que participan, tamén, Cataluña e a Comunidade Valenciana.
Lembrou que estas actuacións enmárcanse nunha traxectoria consolidada en materia de ciberseguridade que “permitiu a Galicia ser das primeiras comunidades en crear un nodo de colaboración público-privado neste ámbito, CIBER.gal, que conta con máis de 55 entidades integradas; ou dispoñer desde hai máis de cinco anos dun centro de resposta a incidentes de ciberseguridade, o CSIRT.gal”.
O director da Axencia sinalou que para seguir avanzando nesta liña e poder abordar novos retos é preciso “contar con talento especializado en ciberseguridade”, un perfil que están a demandar o 30% das empresas galegas de dez ou máis empregados.