Ju Xing H800, un móbil con moita “sona”

venres, 9 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Que se lle pode pedir a un teléfono móbil para que sexa a última novidade do mercado actual? Con cámara de fotos xa os hai, con reprodutor de MP3 tamén, con cámara de vídeo de gran calidade tamén se atopan con facilidade, con recoñecemento de voz, acceso a Internet, calculadora, espertador, axenda, convertedor de moeda e todas aquelas funcións inútiles que nunca empregamos pero que traen incorporados os móbiles correntes, tamén. Entón, qué debería ter un teléfono de última xeración para triunfar no mercado máis esixente do mundo en materia de tecnoloxía, o oriental? Que cociñe por nós e teña a comida quente ó chegármonos á casa logo dunha dura xornada de traballo? Todo se andará, pero non, falamos de algo máis sinxelo ca iso. Ou sexa: en cuestións de telefonía en Asia, a función imprescindible para un móbil de bandeira é (como non se nos ocorreu a nós antes?) o modo karaoke. Isto é o que trae a maiores o novo Ju Xing H800, un dispositivo con pantalla TFT táctil de 2,2 polgadas e deslizante a 180 graos, e cunha resolución de 176x220 puntos.
Tamén incorpora cámara de 1,3 megapíxeles, spot microSD, conectividade USB e reprodutor de ficheiros MP3 e vídeos en MP4/3GP, ademais de funcións de recoñecemento de voz, de escritura e de hora en distintos fusos horarios pero todo isto é palla ó carón da función máis interesante por excelencia do móbil chino, o karaoke, unha utopía feita realidade para os asiáticos máis frikis e que de seguro non tardarán en adquirir os aspirantes a “triunfiños” españois.

PUBLICIDADE