José Luis Aznarte, experto en tecnoloxías de predición, estará este venres no ciclo Os Venres con IA

mércores, 28 de abril do 2021 S. P.

O investigador José Luis Aznarte, profesor titular da UNED no Departamento de Intelixencia Artificial, falará este venres en Ourense sobre predición automática de indicadores COVID con tecnoloxías avanzadas. O relatorio forma parte do seminario sobre IA organizado pola UNED en colaboración co Centro de Intelixencia Artificial de Ourense, que se emite dentro da serie Os Venres con IA, ás 12.00 horas. Este ciclo ten o apoio do Vicerreitorado de Investigación, Transferencia do Coñecemento e Divulgación Científica da UNED.
O relator vai presentar nesta charla o traballo realizado no proxecto PreCoV2 xunto á empresa Inverence. Neste proxecto desenvolvéronse modelos de predición para catro dos indicadores fundamentais da pandemia: casos confirmados, hospitalizacións, ingresos en UCI e decesos. Estes modelos, nos que se aplica un enfoque bayesiano para series temporais, están a ser usados polas autoridades para prever a evolución da pandemia con até 48 horas de antelación.
O doutor José Luis Aznarte é profesor titular de universidade no Departamento de Intelixencia Artificial da UNED e momentaneamente vicerreitor adxunto de Xestión Intelixente de Datos e Recursos. Imparte docencia e coordina investigacións sobre aplicacións de minería de datos e aprendizaxe automática (Machine Learning), especialmente no marco da predición de series temporais.
Dirixe o desenvolvemento de SOCAIRE, o modelo de predición da calidade do aire do Concello de Madrid, e é tamén director da Cátedra UNED/EMT de Calidade do Aire e Mobilidade Sustentábel.

PUBLICIDADE