Jorge Cebreiros, á fronte da nova alianza estatal das novas tecnoloxías: SPORA

martes, 31 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O presidente da asociación galega Ineo, Jorge Cebreiros, de xeito complementario máximo representante de CONETIC, vai dirixir oficialmente as rendas de SPORA, o novo Consello Nacional das Telecomunicacións, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, unha entidade de cuxa creación falamos recentemente en Código Cero e que, xorde, precisamente do traballo conxunto de CONETIC e FENITEL. Segundo apunta a asociación Ineo, a presenza de Cebreiros vai implicar unha serie de vantaxes a ter en conta para o sector TIC estatal (que buscará novos xeitos de reforzar a súa voz, nun intre de crise en que a innovación pode ser a chave para superala e atopar vías de desenvolvemento máis sólidas) e, tamén, para o sector TIC galego (que terá canles de concorrencia máis firmes).
Sen lugar a dúbidas”, engaden fontes de Ineo, “as novas responsabilidades de Jorge Cebreiros, á fronte de Ineo, CONETIC e SPORA, implicarán un meirande peso do sector tecnolóxico galego no escenario nacional”. Lembrar que SPORA (acrónimo co que se identifica este novo espazo de traballo, aberto a novas incorporacións, a maiores das de CONETIC e FENITEL), integraría na actualidade a máis de 3.000 empresas do sector, achegando ao mercado laboral español máis de 85.000 postos de traballo directos.
Volvendo á elección de Jorge Cebreiros á fronte deste proxecto, está a ser valorada por Ineo como un novo avance na estratexia da asociación galega por achegarse o máximo posíbel “ás institucións nacionais e europeas máis relevantes para o sector, co obxectivo de defender os intereses das empresas galegas tecnolóxico-dixitais”. Este logro súmase a recente asunción, por parte de Ineo, da presidencia de CONETIC, a Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica.
O obxectivo de SPORA, como lembraremos, é actuar como representante sectorial ante as institucións e organizacións públicas e privadas españolas, e traballar intensamente para a difusión da Sociedade da Información, así como fomentar o emprego responsábel de Internet. Entre os seus valores fundamentais inclúese sen lugar a dúbidas a suma de capacidades e potencialidades que representa, amais do coñecemento socioeconómico e territorial que acubillan ámbalas organizacións empresarias responsábeis directas desta alianza. Dende SPORA, traballarán pola defensa dos intereses dos seus asociados e presentarán “un xeito diferente de facer as cousas, a través do intercambio continuo de información, obxectivos e propostas de solucións dende a base, constituída polas firmas, cara arriba, é dicir, cara as organizacións sectoriais e empresariais e a Administración”.

PUBLICIDADE