Javier Rocamora introdúcenos no CDTIC na actualidade da mercadotecnia en liña e o comercio electrónico

luns, 14 de abril do 2014 Redacción

Javier Rocamora é colaborador habitual de Código Cero

O Centro Demostrador TIC acollerá os vindeiros 22 e 29 de abril dous seminarios baixo o título Introdución ao marketing online e ao e-commerce para PEME. O primeiro deles estará dedicado ao emprego das redes sociais nas actividades de mercadotecnia, mentres que o segundo versará sobre blogs, fundamentos de comercio electrónico e publicidade en liña. Ambos desenvolveranse no CDTIC de Galicia, en Santiago de Compostela, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Os seminarios serán impartidos por Javier Rocamora García, colaborador habitual de Código Cero, e están dirixidos a PEME e traballadores autónomos de todos os sectores, así como a asociacións e clústers empresariais.
Segundo informa AMTEGA, departamento do que depende o Centro Demostrador, a idea é que mediante estas dúas sesións as persoas asistentes adquiran “os coñecementos precisos para empezar a comercializar os seus produtos ou servizos a través de plataformas dixitais”. Ademais, engade, “aprenderán as habilidades básicas para a definición dunha estratexia de posicionamento da empresa a través de medios electrónicos e a participación nas redes sociais”. A inscrición pode realizarse a través da web do Centro Demostrador TIC.
Co obxecto de facilitar a asistencia os obradoiros serán transmitidos por videoconferencia a través das aulas CeMIT. Aquelas empresas que desexen asistir baixo esta modalidade, poden acudir á súa aula CeMIT máis próxima e solicitar a súa participación, ou chamar aos teléfonos 981 97 51 36 ou 981 54 50 60.
Lembrar que Javier Rocamora García (A Coruña) é responsable de mercadotecnia en Appvisor. Exerce tamén como consultor e formador autónomo na web jrocamora.com e durante os últimos anos está orientando o seu labor a proxectos relacionados directamente coa mercadotecnia en liña e os seus recursos e vantaxes: análise e redeseño de webs para facelas máis eficaces de cara á venda, presenza en redes sociais, publicidade en liña, deseño de blogs, responsábel de comunidades dixitais, etc. A empresa coruñesa Appvisor, pola súa banda, é unha plataforma de consultas a expertos a través do dispositivo móbil, que permite formular cuestións a algún dos especialistas cos que conta en calquera intre e lugar.

PUBLICIDADE