Javier Garzás e Vitae achegan na Coruña un curso sobre axilidade avanzada

martes, 18 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai organizar este verán un curso especializado e intensivo para que os nosos profesionais formados en modelos áxiles poidan seguir dando pasos no camiño da máxima excelencia e capacitación. Estamos a falar do Curso Axilidade Avanzada, impartido por Javier Garzás. Serán oito horas de formación coa posibilidade de obter a Certificación Scrum Manager. Celebrarase na Coruña o vindeiro 23 de xullo, no Hotel Attica 21, con horario de 9.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 19.00 horas.
A actividade formativa responde a unha das grandes demandas actuais dos nosos profesionais adestrados en modelos de traballo áxiles (Scrum, XP, etc): a necesidade de seguir avanzando cara a novos chanzos de excelencia e coñecemento sobre a dita base. “Con este curso”, informa Vitae, “poderemos obter algo único: todo tipo de claves e recursos (ideas, roteiros, camiños, materiais, guías) para evolucionar profesionalmente en axilidade”.
O obradoiro está dirixido a persoas con experiencia previa en axilidade e Scrum, aínda que non sexa unha base de gran amplitude. Tamén está concibido para aqueles profesionais que xa asistiran a cursos de introdución sobre as devanditas metodoloxías de traballo, sen que sexan requiridos coñecementos técnicos avanzados sobre as materias. O temario inclúe (entre outros) os seguintes contidos: xestión do cambio áxil (o que ten funcionado e o que non), técnicas de gamificación na implantación áxil, como planificar a medio prazo (portfolio e mapas de estrada) sen deixar de sermos áxiles, estimación áxil avanzada, maneiras de traballar que non son áxiles, a importancia das retrospectivas ou unha explicación básica e potencial sobre eXtreme Programming.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE