Jaasta prepara un teclado de tinta electrónica

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos foron varios os teclados que quixeron revolucionar o mercado integrando baixo cada tecla unha especie de pantalla que permitía a súa personalización, o que facía que estivésemos ante produtos ao alcance de moi poucos polo seu elevado custo de fabricación, e agora unha compañía quere facer un achegamento a tal concepto empregando tecnoloxía de tinta electrónica cun teclado que nos vindeiros días poderá encargarse a un prezo de 299 dólares (245,29 euros): o teclado Jaasta.
Este curioso teclado sen fíos agocha pequenos paneis de tinta electrónica baixo cada tecla, así como un panel táctil de 3,5 polgadas para poder suplir o uso do rato. Venderase en numerosas combinacións de cores, e permitirá a configuración de numerosos teclados, de xeito que podemos conmutar entre distintos idiomas (para incluír os caracteres de cada lingua e incluso a disposición das súas teclas) ou incluso adaptar as teclas para que amosen os atallos de teclado dunha aplicación en concreto (presentando os símbolos propios do Photoshop, do Word ou de calquera outra aplicación).
O propio teclado podería mudar o contido das súas teclas en función do idioma ou da aplicación que empreguemos a cada momento e incluso podería facilitar a introdución de emoticonas nas nosas conversas. Todo un produto revolucionario que como grande vantaxe conta tamén cunha magnífica autonomía (pode operar un ano enteiro coa súa batería). Mide 391 x 150 milímetros e en poucas semanas poderemos saber se realmente o público ve con bos ollos este tipo de produtos que a moitos lembrará os tempos nos que se empregaban chuletas nos teclados para facilitar o uso de atallos de teclado en vellos procesadores de texto.

JPEG - 195.3 KB
O teclado pode adaptarse a distintos idiomas e aplicacións

PUBLICIDADE