JVC integra conectividade Wi-Fi nas súas videocámaras

venres, 13 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Esta semana no CES de Las Vegas a compañía JVC amosou as súas novas cámaras de vídeo da familia Everio, que destacan por integrar conectividade Wi-Fi, o que permitiría o envío por correo electrónico de imaxes e vídeos, a transferencia sen fíos dos ficheiros a smartphones e outras funcionalidades. Estas cámaras tamén gravan todas en alta definición (1.920 x 1.080) en formato AVCHD incluíndo un modo UXP cunha compresión de 24 Mbps para unha grande calidade de imaxe.
Estas novas cámaras contarán con aplicacións de balde para dispositivos con iOS e Android, que permitirán tanto a transferencia de ficheiros coma o control remoto remoto das cámaras (con monitorización en tempo real) e a posibilidade de aproveitar os GPS dos móbiles para xeolocalizar os contidos rexistrados. As cámaras tamén poderán empregarse como sistemas de vixilancia domésticos, que avisen por e-mail cando detecten movemento (instándonos a conectanos a distancia ás mesmas para comprobar se aconteceu algo no fogar).
JVC comercializará varios modelos de videocámaras con estas prestacións, adaptándose a distintas necesidades, entre as que destaca a JVC Everio GZ-GX1, que conta cun sensor CMOS de 10 Mpíxeles, grava vídeo en Full HD a 60p, dispara fotografías a 11 Mpíxeles, conta con saída de auriculares e entrada de micrófono e incluso permite o uso de lentes de conversión e filtros.


Presentación das cámaras JVC Everio con Wi-Fi durante o CES de Las Vegas

JPEG - 192 KB
A JVC Everio GZ-GX1 tamén conta cunha pantalla táctil

PUBLICIDADE