Investigadores galegos traballan nun sistema TIC para mellorar a protección en choques laterais

luns, 14 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O coche intelixente pode poñer en xogo o aquel de intelixencia que nos falta a moitos condutores, cousa que é de agradecer, e máis nestes tempos en que todo apunta a un vindeiro incremento dos límites de velocidade, e onde hai estradas (como, sen ir máis lonxe, a Avenida de Lugo en Santiago, en que raro é quen respecta os sinais). Dáse a circunstancia de que o ingrediente extra de intelixencia, que en casos especialmente deficitarios debera ser ben grande, provén unha vez máis do eido TIC. Na vangarda desta investigación hai mans galegas: as do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS).
O centro traballa, xunto con nove espazos máis de investigación e sete empresas do sector, no proxecto CENIT ADAPTA (Tecnoloxías de Funcións de Protección Lateral, Intelixentes e Adaptativas). Segundo informa a USC, os días pasados foi presentado un reconto do acadado con esta iniciativa ao longo dos seus catro anos de vida na sede de Dalphi Metal España, que é un dos principais promotores do proxecto. O obxectivo do mesmo foi o de mellorar a protección das persoas ante colisións laterais. Unha das liñas de traballo da iniciativa é o desenvolvemento de sistemas de detección e clasificación do contorno do vehículo. Tamén cómpre salientar a inclusión de elementos estruturais no automóbil para mellorar a xestión de choques laterais e a incorporación de sistemas de retención para ofrecer un maior nivel de protección aos ocupantes. Todos os equipos de protección integrados, grazas aos sistemas de detección baseados en visión artificial, permiten a súa activación uns milisegundos antes de que teña lugar o impacto. Nesta liña de traballo, na de achegar recursos que permitan ter baixo o máximo control todo o que rodea ao noso coche, é onde traballou principalmente o CITIUS, poñendo en xogo a súa experiencia xunto coa empresa Anafocus. A detección baseada en visión artificial é unha das súas grandes contribucións, un sistema que inclúe visión exterior e que, grazas a el, posibilita a localización dos obxectos que se achegan ao automóbil e extrae datos en 3D destes elementos, “incluíndo a velocidade e a posición”, e todo en tempo real.
A maiores, a infraestrutura interior complementaria extrae un coñecemento perfecto da situación do vehículo de portas para dentro (ocupantes, posición, complexión, etc). “O sistema ADAPTA”, engade a USC, “foi probado polo consorcio en ensaios con manequíns, nos que se demostrou a súa eficacia, xa que se constata unha redución de máis do 30% nas lesións torácicas sufridas polos ocupantes do automóbil”.

PUBLICIDADE