Investigadores galegos crean unha aplicación que avalía como eran as nosas costas hai milleiros de anos

venres, 13 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Antes de que a nosa terra goce dun clima oceánico, atlántico, tépedo (aínda que na actualidade a cousa teña máis ben feitura de clima monzónico (veráns húmidos e invernos secos), pasaban por diante da nosa costa anacos de xeo tan grandes como o que provocou o afundimento do Titanic. Máis polo miúdo, vénse de coñecer que hai varios miles de anos –entre 15.000 e 60.000- chegaron ás costas de Galicia varias series de icebergs. Por extensión, a nosa terra, como é de supoñer, era moito máis fría. Estes e outros moitos datos veñen da man dun programa informático galego que é quen de interpretar o pasado climático e oceanográfico das nosas costas. Chámase anidoC, vai pola súa versión 1.0, e emprega métodos de diagnose médica, como o TAC.
Os seus creadores son un grupo de investigadores das universidades de Vigo e Santiago e da Fundación IDICHUS, especializados en eidos de estudo tan dispares como as ciencias do mar, a física e a veterinaria. A orixe de todo este traballo está no traballo conxunto: ao establecer contacto os investigadores do Grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo con persoal da Facultade de Veterinaria de Lugo e, máis concretamente, co Servizo de Diagnóstico por Imaxe do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, onde dispoñen dun TAC médico, similar ao que se usa para as persoas pero, neste caso, para animais. Agora, neste novo proxecto, a metodoloxía médica emprégase para avaliar as sondaxes do sedimento mariño.
Este software colectivo conta con seis autores: Anxo Mena, Guillermo Francés, Alfredo Iglesias, da Escola de Enxeñaría Industrial e os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela: Pablo Aguiar, do Servizo de Medicina Nuclear da Fundación IDICHUS, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e José Daniel e Andrés Barreiro, do Servizo de Diagnóstico por Imaxe da Facultade de Veterinaria. Da coordinación de todos os trámites requiridos para o rexistro encargouse a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, OTRI, da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE