Investigadores do Campus de Pontevedra buscan como loitar contra as novas falsas dende as metodoloxías virais

mércores, 17 de marzo do 2021 S. P.

Avaliar a posibilidade de combater eficazmente as novas falsas e facelo con recursos que compartan coas fake news metodoloxías de comunicación, por exemplo iniciativas de verificación de datos como fact-checkers. Este é un dos obxectivos centrais da investigación que desenvolve o grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Campus de Pontevedra), que vén de ser seleccionado na convocatoria de proxectos de I+D+i Retos Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. O proxecto, que se estenderá ata 2022, comprende tamén a elaboración dunha serie de recursos didácticos para a alfabetización dixital da cidadanía.
“Sabemos que a desinformación circula de xeito moi rápido, que ten moitas vías para difundirse, e nós queremos centrarnos en coñecer que están facendo os que loitan contra ela”, salienta o profesor Alberto Dafonte, investigador principal, xunto coa coordinadora do grupo Sepcom, Mabel Míguez, do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos.
O seu obxectivo é analizar todos aqueles elementos que poden ter incidencia na difusión das mensaxes dos fact-checkers.
Análise de 17 fact-checkers de dez países
En primeiro termo, o proxecto centrarase na análise dos contidos difundidos ao longo de 2020 por 17 fact-checkers de España, Portugal, Bolivia, Brasil, Arxentina, México, Colombia, Perú, Ecuador e Venezuela. Como explica Dafonte, baixo este termo englóbanse iniciativas de verificación de datos “moi diferentes”, desde “seccións específicas de medios de comunicación convencionais a organizacións sen ánimo de lucro”. Neste caso, a análise centrarase naquelas iniciativas iberoamericanas acollidas á International Fact-Checking Network (IFCN), que fixa unha serie de principios éticos neste labor de loita contra a desinformación.
O estudo comprenderá a identificación de características comúns en canto a aspectos formais, narrativos e temáticos das mensaxes que xeraron maior interacción en redes sociais; a análise daqueles “parámetros cuantificábeis” que poidan ter incidencia na difusión, como a frecuencia ou o horario de publicación; a adaptación dos contidos ás características das diferentes redes sociais ou o uso das diferentes aplicacións de mensaxería.
O proxecto tivo como punto de partida a estadía de investigación que, co financiamento do programa José Castillejo, Dafonte desenvolveu en 2019 na Pontificia Universidad Católica de Chile e que lle permitiu identificar as diferentes redes e ferramentas que empregan os medios inseridos na IFCN para a difusión dos seus contidos.
Os investigadores e investigadoras deteranse tamén nas temáticas más frecuentes nestas publicacións, e, polo tanto, os ámbitos nos que maior incidencia teñen as fake news. Nos estudos previos foron quen de detectar que “existen certas temáticas recorrentes”, explica Dafonte, como aquelas relacionadas coa política, coa inmigración, os boatos dirixidos contra os movementos feminista e LGTBI ou aqueles centrados en cuestións de saúde. Estes últimos converteranse, por mor da COVID-19, nun dos grandes protagonistas desta análise. De feito, lembran que a Organización Mundial da Saúde ten alertado nos últimos meses dos perigos que, máis aló da propia pandemia, pode xerar a “infodemia”, como lembra Dafonte, que incide en que, polo xeral, tralos boatos, “normalmente non hai xente que inventa unha cousa sen máis, senón grupos organizados”.
A partires desta análise, o proxecto completarase coa creación dun “banco de recursos para a alfabetización dixital e mediática da cidadanía”, así como dun curso de formación en liña orientado principalmente a un público adulto. Do mesmo xeito, deseñaranse tamén recursos educativos abertos dirixidos ao alumnado de educación secundaria, “nos que traballaremos con diferentes formatos e materiais” e que estarán dirixidos a “divulgar boas prácticas á hora de verificar información e ser crítico co que recibes”, apunta Dafonte.

PUBLICIDADE