Investigadores do Campus de Ourense deseñan un dispositivo para localizar augas contaminadas dende drons

xoves, 28 de xuño do 2018 Redacción

Investigadores do grupo de Óptica Física da Universidade de Vigo, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, veñen de deseñar e construír un sistema óptico que é quen de empregar os drons para medir o tipo e o grao de contaminación de augas de mares, ríos, lagos ou pantanos. O sistema, sensíbel e de baixo custo, foi desenvolvido por Daniele Tommasini, Humberto Michinel, José Ramón Salgueiro, Ricardo Javier Bendaña e Alicia Vázquez. O seu proxecto conta con financiamento (convocatoria 2017) do programa Inou da Vicerreitoría e a Deputación de Ourense. Basicamente consiste na montaxe dun dispositivo de seguimento e de diagnóstico inmediato nun vehículo aéreo non tripulado. O seu potencial para o coidado do medio ambiente é enorme, sinalan.
De feito, os investigadores explican que “achar contaminación nun corpo de auga é o primeiro paso para poder proceder á súa limpeza ou realizar as tarefas necesarias de saneamento e prevención na medida en que axudará a coñecer as posíbeis fontes de contaminación”.
O sistema deseñado neste proxecto emprega a fluorescencia como método de detección e identificación de diferentes tipos de aceite que poidan contaminar a auga. A fluorescencia, detallan, “é a absorción de luz dunha determinada lonxitude de onda seguida da emisión de radiación dunha lonxitude de onda maior”. A maioría dos tipos de sustancias contaminantes, como os aceites, comentan, “absorben fortemente luz ultravioleta e xeran patróns de fluorescencia no visíbel ou no ultravioleta próximo”. Desta maneira, os sensores de fluorescencia permiten distinguir diferentes tipos de sustancias e mesmo son quen de detectar aceite no xeo ou na neve.
O aparello deseñado consta dunha fonte LED, dun espectrómetro de fluorescencia como detector e dun sistema de amplificación do sinal para illalo do fondo ruidoso. Estes elementos están controlados por un procesador cunha antena emisora e os datos recíbense en tempo real axilizando o proceso de verificación de augas. Os investigadores salientan que o sistema deseñouse pensando “en pousar o dron na superficie de auga a estudar para tomar unha medida”, polo que se lle engadiu ao vehículo aéreo un sistema de flotación.
No futuro a intención do grupo é facer evolucionar o sistema de recollida de datos para poder “facer un varrido sen necesidade de pousar o dron”. Con isto adquirirase maior velocidade no colleitado de puntos de medida e polo tanto meirande velocidade de diagnóstico de contaminación das augas ou un maior número de puntos de medida e, polo tanto, unha maior precisión no diagnóstico.

PUBLICIDADE