Investigadores do Campus de Ourense desenvolven proxectos para mellorar o Google Earth

mércores, 10 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Google Earth, e por suposto os seus usuarios, están de sorte: sempre haberá interese por ver a Terra dende fóra, polo que é de supoñer que dificilmente se deteña o deseño de melloras arredor desta ferramenta. Así, e xa nun eido máis concreto, contan con achegas como a de Iván Rodríguez e Gumersindo Veloso, dous alumnos da Escola Superior de Enxeñería Informática (Campus de Ourense) que comparten obxectivos en cadanseu proxecto de fin de carreira: mellorar o Google Earth, programa informático que como a comunidade lectora de Código Cero sabe, serve para visualizar imaxes do planeta ou, xa nun eido máis específico, para sobrevoar Nova York en 3D ou (tamén) para poñerlle as cousas ben doadas á policía suíza. Volvendo aos traballos de Rodríguez e Veloso, dicir que o paralelismo das súas achegas remata nesa vontade de enriquecer o dito servizo, a partir de aí as súas investigacións tomaron carreiros diferentes.
A vía de Veloso foi a de crear unha aplicación que engade ao Google Earth datos meteorolóxicos en 3D, sendo a do seu compañeiro a posta en marcha dun sistema web que pon ao usuario en disposición de interactuar coa información nunha contorna 3D a través de varias canles de navegación.
Segundo informa a Universidade de Vigo nunha completa crónica destes interesantes achados feitos dende a nosa terra, ámbolos dous estudantes contaron coa mesma guía, o profesor Celso Campos, director dos seus proxectos.
O primeiro do que falamos, o de Gumersindo Veloso, xira arredor do clima e as posibilidades do Google Earth como fonte de información sobre o mesmo, servizo de especial importancia a día de hoxe se mire por onde se mire: tanto se queremos obter datos sobre o quecemento da Terra como se, xa nun plano menos transcendente, temos interese por saber que tempo vai facer nas nosas vacacións. A xuízo deste investigador da ESEI do Campus de Ourense, nestes eidos é onde fallan os servizos tradicionais de información meteorolóxica, de aí que fose preciso pór en marcha algo que permitira escoller os datos con meirande detalle e poder combinalos segundo as necesidades do internauta. Este é o alicerce de Google Meteo, “unha ferramenta destinada a reunir as localizacións que desexe o usuario, xunto coa previsión do tempo e o estilo visual da súa presentación”.
No que atinxe á achega do investigador Iván Rodríguez, dicir que o seu traballo parte dunha das grandes vantaxes de Google Earth: as funcionalidades que achega nos servizos de información xeográfica, cos que xa case todos os internautas están familiarizados, ao igual que o están cos moitos navegadores xeográficos en 3D que xurdiron logo ao seu abeiro. Porén, o proceso nin está pechado nin deu o mellor de si, sinala o investigador galego, en parte polas “limitacións propias dos modelos tridimensionais navegables de información”, atrancos que chegan a limitar a interacción co internauta a mesmo a feitura dos datos que se presentan. O seu proxecto de fin de carreira vai directo a albiscar a solución do problema, corrixindo as limitacións dos navegadores coa concorrencia de sistemas de interacción internauta-computadora baseados en espazos en 3D. O seu sistema web pon en xogo tres métodos de navegación:
· Navegación mediante puntos de interese (permite ir directo a unha serie de puntos que son o conxunto final de localizacións onde está amoreada a información).
· Viaxes guiadas ou navegación por rutas de interese (posibilita gozar de percorridos virtuais a través de emprazamentos en 3D e secuencias animadas).
· Navegación libre interactiva (deixa marxe para a exploración libre e dinámica a contorna tridimensional).

PUBLICIDADE