Investigadores da UVigo participan no gran desafío estatal dos vehículos autónomos

mércores, 21 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A nosa terra está a ser unha potencia en mobilidade autónoma e boa parte da culpa disto téñena os investigadores novos da Universidade de Vigo. Sen ir máis lonxe, o grupo formado por Jesús Iglesias, Yasmina González, Alejandro Fernández e Carlos Lago, representantes todos eles da Escola de Enxeñaría Industrial, van participar os días vindeiros (este venres 23 e o sábado 24) nun dos eventos máis referenciais das tecnoloxías intelixentes aplicadas ao motor: o reto Autonomous Driving Challenge. Jesús, Yasmina, Alejandro e Carlos constitúen o equipo AutoCAR, nado a partir do traballo de fin grao de Alejandro. Na dita proba, impulsada por SEAT en Madrid, enfrontaranse a vehículos autónomos de cinco referenciais universidades.
Xunto á Universidade de Vigo, as politécnicas de Madrid, Catalunya e Valencia, a Rovira i Virgil e a Universidade de Valladolid (esta última gañadora da primeira edición do certame), participarán na segunda edición da proba, na que os vehículos smart a escala presentados por cada equipo terán que superar varias probas nun circuíto que simula unha contorna urbana.
O cadro vigués acudirá cun Arona a escala 1.10, un prototipo que xa superou coa máxima puntuación dúas probas eliminatorias, nas que outras universidades ficaron fóra. Nas actividades do venres e o sábado, o vehículo deseñado por AutoCAR deberá resolver, primeiro, o circuíto conducindo de xeito autónomo sen obstáculos na calzada, nin sinais, para logo volver percorrer o mesmo trazado pero xa con sinais e obstáculos móbiles na calzada e aparcamento.
O equipo vigués está á súa vez artellado en catro equipos: un de visión; outro del láser, que se encarga do aparcamento e detección de obstáculos; así como un de control e outro de hardware. Rematado o grao, o coordinador do grupo está a día de hoxe traballando en robótica industrial, ademais de facelo anteriormente en condución autónoma no CTAG, aínda que prevé regresar á Universidade de Vigo para cursar un mestrado o vindeiro curso. Pola súa banda, Yasmina González, Jesús Iglesias, Carlos Lago e Raúl Riera, están cursando o derradeiro ano do grao.
Antes de viaxar a Madrid o equipo realizou esta mañá na entrada da Escola de Enxeñería Industrial unha exhibición de algoritmos de condución autónoma na que amosaron o funcionamento do seu vehículo.

PUBLICIDADE