Investigadores da USC poñen en marcha un portal para frear a degradación do noso medio: biodiversidade.eu

xoves, 19 de decembro do 2013 Redacción

De dereita a esquerda, Miguel Serrano, Álvaro Gómez e Santiago Ortiz

Investigadores da Universidade de Santiago presentaron hoxe unha moi interesante ferramenta tecnolóxica para coñecer mellor, dende tódalas instancias, as áreas xeografías da nosa terra que máis están a sufrir coas actividades humanas non respectuosas co medio, ademais de botar luz sobre as especies e paisaxes en risco e permitir a colaboración da comunidade achegando os seus grans de area a prol da conservación do noso medio. Falamos de biodiversidade.eu (Biodiversidade Ameazada) un recurso de traballo fornecido por un equipo multinacional liderado polo Departamento de Botánica da USC.
Segundo fixeron saber, o que se pretende é pór na Rede instrumentos “contra a degradación dos hábitats naturais de Galicia e o Norte de Portugal”. Todo isto a través dunha web formulada como un espazo colaborativo de referencia para o seu coñecemento e a xestión horizontal por parte da cidadanía.
A presentación veu da man dos membros do Departamento de Botánica Santiago Ortiz e Miguel Serrano, e Álvaro Gómez Andrade, da Navalla Suiza, empresa encargada da realización do espazo web. Segundo fixeron saber, o xermolo do proxecto está en Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal (Biodiv_GNP), proxecto financiado con fondos de cooperación territorial europeos. O portal acubilla xa 16.963 rexistros xeográficos “que abranguen a totalidade do coñecemento actual sobre a flora ameazada do noroeste ibérico e un volume moi importante da endémica e subendémica, mais ten o obxectivo de atinxir todos os grupos taxonómicos”, fixeron saber.
No acto tamén salientaron o que consideran un dos grandes potenciais de biodiversidade.eu: o feito de pór a disposición da cidadanía ferramentas inéditas, tanto para particulares como para colectivos, permitindo saber cales son os valores naturais, ameazas e iniciativas de conservación que se localizan na súa área de interese. A calidade da información, engadiron, está garantida por protocolos de revisión por especialistas, “colocando o ámbito académico ao servizo da sociedade e tentando dotar de ferramentas à sociedade civil para a defensa da natureza”. Sobre as funcións específicas, informaron que “a plataforma permite a consulta directa de especies, observacións e ameazas por área xeográfica e inclúe un sistema de comparación de imaxes de especies e unha aplicación web para móbiles con ferramentas para o traballo de campo, ademais dun catálogo de rotas e espazos xeolocalizados e relacionados automaticamente co catálogo de especies”.

PUBLICIDADE