Investigadores da UDC lideran un proxecto sobre a dixitalización mundial dos medios de pago

mércores, 10 de marzo do 2021 S. P.

J.Carles Maixé-Altes e Matilde Massó, investigadores principais do proxecto

Non só se transforman as empresas, senón tamén o diñeiro e os métodos de pago, un proceso que se acelerou co inicio da pandemia, agora que hai máis operacións, trámites, xestións e comunicacións que se realizan online. As novas facianas da actividade económica constitúen o ámbito temático no que se encadra o proxecto internacional de investigación Diñeiro en Transformación (MONFIN), liderado por profesores da Universidade da Coruña (UDC): J. Carles Maixé-Altes, catedrático de Historia Económica e Empresarial da Facultade de Economía e Empresa, e Matilde Massó, profesora de Socioloxía da Facultade de Socioloxía.
No proxecto, amais de investigadores da UDC, tamén traballan expertos da Universidade de Leeds, do Centro de Investigación e Docencia Económicas (CIDE) de México e da Newcastle Business School. No seu conxunto, o proxecto incorpora as contribucións de 12 investigadores e 4 estudantes de doutoramento que están a desenvolver as súas teses na liña dos obxectivos do proxecto.
MONFIN é unha iniciativa multidisciplinar e innovadora que, a partir de diferentes disciplinas como a economía, a socioloxía e a historia económica, axudará a explicar como están a mudar o diñeiro e os medios de pago, cales son os actores e procesos involucrados nesta transformación e cales son os seus obxectivos, así como as consecuencias sociais en termos de inclusión financeira de familias e empresas.
En concreto, avaliaranse cuestións como os ámbitos potencialmente susceptíbeis de evolucionar coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC) ou temas de relevancia política ligados á relación entre o territorio, o Estado e a soberanía monetaria, así como os procesos sociais relacionados coa confianza no sistema económico e os intereses en conflito entre os axentes involucrados na emisión dos medios de pago.
O proxecto MONFIN analizará o proceso de innovación financeira e os seus efectos sociais en termos de inclusión ou exclusión de persoas e empresas no ámbito de España. Os resultados de MONFIN aspiran a realizar unha nova e sólida contribución á evolución futura do diñeiro e as súas consecuencias sociais.
Esta investigación está financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación, dentro do Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación Orientada a los Retos de la Sociedad, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2017-2020.
Investigadores de MONFIN publican de forma habitual análises sobre a evolución do diñeiro na páxina web da UDC.

PUBLICIDADE