Investigadores da UDC desenvolven un sistema innovador sobre construción de mapas de sono

martes, 7 de marzo do 2017 Redacción

Un grupo de investigadores da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), liderados por Vicente Moret Bonillo, profesor da área de ciencia da computación e intelixencia artificial e investigador da área Tecnolóxica de Percepción, Cognición e Iteración do Centro de Investigación TIC (CITIC), desenvolveron o proxecto Hypnogram, baseado, tal e como se define na propia epígrafe da iniciativa, na Análise intelixente de sinais neurolóxicas e construción de hipnogramas para detección e interpretación de eventos en síndrome de apnea en sono. O proxecto, ao que podemos achegarnos a través dunha peza audiovisual en YouTube, está financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade na súa convocatoria de Proxectos de Excelencia dentro Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación (2013-2016) e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Hypnogram, informa o CITIC, contou cunha parte moi importante de colaboración internacional, con achegas de investigadores das Universidades da Haia, Amsterdam, Aquisgrán (Alemaña) e Florida. Forma parte de MIASoft, un proxecto máis amplo de seguimento intelixente da síndrome de apneas do sono e ocúpase especificamente da construción de mapas para obter un diagnóstico da actividade cerebral no período no que o paciente que durme está a ser sometido a seguimento.
Os investigadores implicados en Hypnogram lembran que no eido das patoloxías do sono, a polisomnografía é unha técnica de exploración pola que se monitora o soño, rexistrando de forma simultánea distintas variábeis fisiolóxicas como son a actividade electroencefalográfica, os movementos oculares, a actividade muscular e as variábeis cardiorespiratorias. Co rexistro dalgúns indicadores obtidos da polisomnografía obtense o hipnograma, que é unha representación gráfica de como se van sucedendo as diferentes fases do sono ao longo dunha noite de rexistro. Como indica o profesor Vicente Moret, “o obxectivo é pescudar a calidade real do descanso dun paciente, un paciente que durme oito horas pode levantarse canso e hai que pescudar o porqué”. Segundo indica, polo regular a devandita circunstancia está asociada a situacións como “microespertares”. E engade: “Se o paciente esperta, o sono é lixeiro, non é reparador e iso pode producir problemas serios de saúde”.

O investigador do CITIC Vicente Moret

Segundo explica a maiores, a interpretación axeitada do hipnograma permite determinar a ocorrencia de posíbeis eventos apneicos na fase de sono do paciente, e unha vez confirmados os episodios correspondentes, clasificalos de maneira correcta. No entanto, as polisomnografías que se realizan actualmente presentan algúns inconvenientes: supoñen un elevado custo, son incómodas para o paciente e os resultados son difíciles de interpretar.
O proxecto Hypnogram xorde precisamente da necesidade de procurar solucións a este tipo de dificultades, tirando proveito dos estándares habituais de seguimento. En base a isto, os investigadores conseguiron realizar unha mellora importante nos algoritmos de detección de eventos no sinal neurolóxica, aplicando a intelixencia artificial na clasificación das etapas do soño do paciente en vixilia, soño lixeiro, soño profundo e fase REM.
Coa parte de I+D desenvolvida contribuíuse a unha axeitada construción do hipnograma, avanzando desta maneira na detección de eventos relacionados cos trastornos de sono e na obtención dun diagnóstico preciso o que, sen dúbida, permite optimizar a terapia oportuna. Ademais, indican os investigadores, a utilización do sistema suporá un aforro considerábel de recursos, xa que permite dar forma a unha polisomnografía no ámbito ambulatorio ou mesmo domiciliario, co consecuente aforro de recursos respecto da realización desta proba no ámbito hospitalario.
O profesor Moret aspira a trasladar o produto desenvolvido á sociedade e declara: “A vocación do grupo que dirixo é que os produtos que desenvolvamos sexan de utilidade para o usuario”. Para iso, contará coa colaboración do profesor Volker Perlitz da Universidade de Aquisgrán en Alemaña.

PUBLICIDADE