Intel presenta unha nova xeración de unidades SSD para o mercado de consumo

mércores, 28 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Continúa a progresión das unidades de disco de estado sólido (SSD) para substituír aos discos duros, conseguindo cada vez unha maior velocidade e un prezo máis axustado, e para contribuír a estes produtos Intel presenta a primeira unidade SSD NAND 3D, TLC e de 64 capas dispoñible comercialmente, a SSD 545s, que promete unha magnífica experiencia e supón o inicio dunha nova xeración de unidades de almacenamento que buscan facilitar o paso das 32 ás 64 capas, do 2D ao 3D e do MLC ao TLC.
Neste momento xa están dispoñibles as unidades Intel SSD 545s de 512 GB a un prezo de 179,99 dólares (158,37 euros), o que é un prezo bastante axustado para unidades cunha velocidade de lectura de até 550 MB/segundo, até 500 MB/segundo de escritura, un consumo moi reducido (4,5 watts activo e menos de 80 miliwatts en espera) e soporte de cifrado AES de 256 bits.
Estas novas unidades chegan en formato de 2,5 polgadas (SATA 6Gb/s, compatible con SATA 3Gb/s), de xeito que a súa instalación en ordenadores actuais é moi sinxela, sendo unha opción moi interesante para substituír un vello disco duro e así acelerar considerablemente a velocidade de funcionamento do equipo e, no caso dos portátiles, garantir unha maior seguridade dos datos e reducir o ruído e o consumo.

PUBLICIDADE