Intel prepara unhas lentes conectadas discretas

luns, 5 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que o fenómeno das Google Glass non chegou a concretarse nun produto de consumo, dende Intel consideran que o seu concepto era matizable, e por iso están a traballar nunhas lentes conectadas chamadas Vaunt que como grande diferenza carecen de cámara que invada a intimidade da xente, á vez que tamén prescinde de botóns que pulsar, zona táctil, altofalantes, unha pantalla LCD brillante e elementos flotantes, ou sexa, que semella unhas lentes ordinarias, aínda que si permiten ver información, aínda que dun xeito máis innovador: empregan proxección retinal, de xeito que só o usuario verá as imaxes que xere este accesorio.
Aínda que tardaremos bastante en ver este produto no mercado, dende The Verge ofrecen en exclusiva unha primeira ollada a esta prometedora tecnoloxía que antes de rematar o ano ofrecerase a desenvolvedores, para que poidan comezar a experimentar cun produto que parece moito máis próximo que as solucións de realidade aumentada que perseguen outras compañías. Sorprende así ver como dende Intel consideran que o futuro éxito de Vaunt será ofrecer menos que outros trebellos semellantes, xa que son conscientes do molesto que pode ser estar acosado constantemente por notificacións que invadan a nosa visión.
Un dos principais obxectivos do equipo de deseño de Vaunt era que estas lentes conectadas fosen lixeiras e cómodas, ou sexa, que non só terían que parecer lentes ordinarias, senón que tamén terían que sentirse así, de xeito que a súa electrónica está agochada nas patillas dun xeito bastante discreto.
O sistema de proxección retinal que integra Vaunt consiste nun láser de moi baixa potencia (VCSEL) que proxecta unha imaxe de 400 x 150 píxeles en monocromo sobre a retina do usuario, de xeito que outras persoas non verán a información que esteamos recibindo, facendo que este produto sexa bastante discreto á vez que ten outro efecto importante: a imaxe proxectada está sempre enfocada (tanto se usamos lentes graduadas ou non).
As lentes comunícanse co smartphone (Android ou iOS) a través de Bluetooth, e nun principio detectan movementos básicos para facilitar a interacción, aínda que futuros modelos poderán integrar micrófono para facilitar o seu uso con asistentes de voz.
Aseguran que o produto terá unha autonomía dun mínimo de 18 horas, ou sexa, que queren que só haxa que cargalas de noite, para poder empregar as lentes durante o día con normalidade.
Queda agora por ver se conseguen desenvolver o software axeitado para que este proxecto consiga facer un produto atractivo que sexa práctico para o uso diario e consiga superar os atrancos que atoparon as Google Glass para chegar a un público masivo.

Vídeo no que The Verge amosa numerosos detalles das lentes Vaunt

PUBLICIDADE