Instalado no Salón Teatro de Santiago un sistema de cámaras para a realización en directo

luns, 28 de decembro do 2020 Sandra Rivadulla

A Xunta (Consellería de Cultura) instalou un sistema pioneiro para a emisión en directo dos espectáculos no Salón Teatro de Santiago, sede central do Centro Dramático Galego. Isto permitirá gravar os espectáculos e emitir os mesmos vía streaming. Desta forma, a compañía pública avanza na transformación dixital, facilitando o acceso e a internacionalización dos procesos creativos.
No Salón Teatro de Santiago instaláronse 4 cámaras con calidade 4K. Dúas son fixas e as outras dúas, monitorizadas. Tamén se solucionaron os problemas de conectividade do edificio, que está situado no casco histórico da cidade.
O máis novidoso da iniciativa é que as imaxes poderanse captar dende varios puntos de vista e con diversos planos, ademais de transmitirse en directo. Este sistema online estrearase o 24 de xaneiro coa produción O Charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que contará cunha interpretación en lingua de signos.
A sede do Centro Dramático Galego contará así cunha ferramenta que favorecerá o contacto co público e o traballo dos creadores. Do mesmo xeito, garantirá a accesibilidade á programación de todos os usuarios, xa que as persoas que non poidan acudir de maneira física por motivos xeográficos ou falta de tempo, poderán ver as representacións igualmente. Doutra banda, a iniciativa suporá un apoio nas fases de creación e produción, pois facilitará ós equipos de dirección para documentar os procesos artísticos, realizará actividades de medición cultural, experimentará formatos híbridos e espazos internacionais, ademais de buscar unha visión ou colaboración externa de profesionais que non se poidan desprazar ata a capital galega.

PUBLICIDADE