Instagram quere axudarnos a atopar contidos en función do seu momento ou lugar

martes, 23 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A aplicación de Instagram para iOS e para Android recibiron unha nova versión que incorpora novas funcionalidades á hora de explorar contidos, pero que polo momento só estarán dispoñibles nos EE.UU. Deste xeito, os usuarios estadounidenses poden facer uso dunha versión revisada da pestana Explorar, que inclúe etiquetas e lugares destacados (o que permite ver en tempo real o que está a pasar preto ou en calquera curruncho do mundo), coleccións seleccionadas (que recolle unha escolma cambiante de lugares e persoas) e tamén a busca de lugares (agora poden localizarse contidos en función da súa situación xeográfica).
Para usuarios de todo o mundo o que si está agora dispoñible é a busca por lugar (que permite atopar publicacións etiquetadas especificamente co nome dun lugar) e buscar todas as publicacións (que realiza unha busca rápida a moi completa por nome de usuario, nome, etiqueta ou lugar).
Estas novidades van encamiñadas a que Instagram non sirva só para ver fotografías publicadas pola xente á que seguimos, senón que tamén sirva para explorar imaxes de lugares que queremos visitar, instantáneas dun momento de actualidade (por exemplo, as fogueiras de San Xoán) ou dunha celebridade, abríndose así máis ao mundo e facilitando o acceso a un volume de contidos que vai moito máis aló dos nosos círculos de amizades.

PUBLICIDADE