Instagram permite introducir música nas historias

venres, 29 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A primeiros de mes Facebook anunciou que estaba a preparar novos xeitos de gozar da música na súa familia de aplicacións, e por fin temos os primeiros pasos desta iniciativa dentro de Instagram, plataforma na que a música estréase dentro das historias, aproveitando o anuncio desta novidade para dar conta de que este formato xa conta con 400 millóns de usuarios activos ao día (lembremos que Instagram vén de superar a barreira dos 1.000 millóns de usuarios activos ao mes).
O xeito máis simple de incorporar música ás historias será a través dun novo adhesivo que aplicar en historias (con independencia de que sexan fotografía ou vídeo) nas que podemos arrastrar o adhesivo musical para logo poder explorar entre un catálogo de cancións para elixir o tema que queremos reproducir e incluso o punto da canción, para elixir a parte concreta que encaixe coa historia.
Tamén é posible elixir a música antes de capturar o vídeo, a través dun novo modo de cámara chamado Música, no que elixiremos o tema musical e o momento de inicio para que cando gravemos un vídeo a música poida escoitarse de fondo.
Durante a reprodución destas novas historias o tema musical escoitarse de fondo, e o adhesivo amosará a información da súa autoría.
O adhesivo de música está a espallarse internacionalmente, mentres que o modo de música só está polo momento dispoñible para iOS (estando previsto que chegue en breve a Android).

ACTUALIZACIÓN: A integración de música nas historias de Instagram inicialmente limítase a Australia, Nova Zelandia, Francia, Alemaña, Suecia, Reino Unido e EE.UU., tanto para incorporación como para a reprodución dos temas musicais.

PUBLICIDADE