Instagram permite incluír 10 fotografías e vídeos nunha única publicación

mércores, 22 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Nas últimas semanas Instagram iniciou as probas da publicación de álbums na súa aplicación, e finalmente esa funcionalidade é oficial, de xeito que agora está a espallarse dentro da última actualización de Instagram a posibilidade de compartir múltiples fotografías e vídeos nunha única publicación, de xeito que xa non haberá que elixir unha única instantánea para reflectir un momento, senón que podemos seleccionar até 10 fotografías e vídeos entre os que poderemos navegar deslizando co dedo o carrusel do que forman parte.
Cando seleccionemos varias imaxes e vídeos para compartilos en grupo poderemos elixir a súa orde e aplicar filtros de xeito independente, pero terán unha única descrición e, polo momento, o seu formato terá que ser cadrado. Amais, na cuadrícula de imaxes do noso perfil figurará unha icona que destacará cando teñamos ante nós un carrusel de fotografías e vídeos, o que tamén se apreciará claramente cando vexamos unha entrada, xa que de ser un conxunto de contidos presentará baixo a imaxe uns puntos que destacarán a posición do carrusel e advirten que podemos deslizar o dedo sobre os contidos para navegar entre os mesmos.
Esta nova funcionalidade busca facer máis doado o compartir experiencias cos amigos e estaría presente a partires da versión 10.9 para iOS e Android da aplicación oficial de Instagram.

PUBLICIDADE