Instagram mellora o seu sistema de mensaxes directas

venres, 26 de maio do 2017 Marcus Fernández

A evolución de Instagram para contar cada vez con máis funcionalidades e converterse nunha ferramenta de maior utilidade non cesa, e agora apuntan á mellora do seu sistema de comunicación privada, Direct, que sempre foi moi rudimentario, pero que agora gaña flexibilidade ao permitir que os usuarios poidan enviar ligazóns e imaxes en vertical e horizontal.
Até o momento, ao intercambiar unha imaxe a través de Instagram Direct era preciso recortala para que adoptase un formato cadrado, pero agora podemos compartir automaticamente instantáneas tomadas directamente co móbil sen a maior preocupación.
O sistema tamén gaña utilidade ao permitir o intercambio de ligazóns en conversas, de xeito que poderemos remitir aos amigos a unha páxina web, presentándose incluso unha previsualización da mesma. Tamén será posible que números de teléfono e enderezos poidan interpretarse como ligazóns.
A carga de imaxes en vertical e horizontal comezou onte a distribuírse entre usuarios de iOS, e en breve chegará tamén para os que teñan móbiles con Android; mentres que as ligazóns nas mensaxes directas xa está presente en nas últimas versións da Instagram para ambas plataformas móbiles.

PUBLICIDADE