Instagram facilita a localización de historias mediante posición xeográfica e temática

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Dende Instagram parecen empeñados en introducir novidades case semanalmente, e agora temos un par de novos xeitos de descubrir o que acontece ao noso arredor coa función de explorar, que agora integra historias localizadas e historias con cancelos. Deste xeito poderemos saber o que acontece preto de nós en función de etiquetas xeoposicionadas e tamén poderemos atopar historias relativas aos nosos intereses.
Cando agora vaiamos á sección de Explorar (buscar) en Instagram atoparemos como na parte superior aparecen historias que poden resultarnos interesantes, entre as que poden figurar historias realizadas preto da nosa posición xeográfica, o que será posible se o creador da historia en concreto colocou na mesma un adhesivo de localización. Tamén é posible buscar por calquera localización do mundo para ver as súas publicación, o seu mapa, e sobre esta información, un atallo ás historias relativas a tal localización.
No relativo aos cancelos tamén é posible realizar buscas, destacándose nos resultados cando alguén empregase o cancelo correspondente nalgunha das súas historias, facilitando así a localización de historias que teñan que ver cos nosos intereses persoais.
Cando se publique unha historia a aplicación advirte das buscas nas que pode aparecer como resultado, o que ofrece ao usuarios a posibilidade de limitar a súa divulgación deste xeito se o considera preciso.
Tamén podemos lembrar que Instagram tamén permite agora que podamos seleccionar calquera das nosas vellas publicacións e darlle a Arquivar, co que conseguimos que non se borre do noso perfil pero si desapareza da vista do público, o que agradecerán moitas persoas que realizaron publicacións que poderían pór en perigo o seu futuro laboral.

PUBLICIDADE