Instagram estrea aplicación móbil reducida para mercados emerxentes

xoves, 28 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Sen facer moito ruído (de feito, sen anuncio oficial por parte da compañía) chega a Google Play a aplicación Instagram Lite, unha versión reducida de Instagram e orientada para os países en vías de desenvolvemento, que precisa dunha descarga de só 573 KB e busca así funcionar en smartphones con pouca capacidade, dende os que será posible publicar fotografías e aplicarlles filtros, compartir historias, ver historias, e descubrir fotografías historias e vídeos. Polo momento non é posible compartir vídeos nin enviar mensaxes directas, prestacións que chegarán nunha futura actualización.
Esta aplicación é aínda moi limitada, pero abre a porta a unha plataforma que xa ten mil millóns de usuarios a nivel mundial, polo que, para poder continuar medrando, ten que achegarse tamén aos usuarios con menos recursos ou con accesos á Rede de pouca capacidade, de aí que as versións reducidas das aplicacións móbiles sexan tan importantes.

PUBLICIDADE