Instagram declara a guerra aos contidos creados en TikTok

mércores, 10 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Hai uns meses Instagram estrou un formato chamado Reels no que replicaba moitas das funcionalidades de TikTok como xeito de frear o avance de tal duro competidor, pero os esforzos non están a ser dabondo, e os Reels están a ter moi pouca relevancia, converténdose en moitas ocasións como unha canle na que republicar vídeos xerados inicialmente en TikTok, polo que dende Instagram están a mudar as súas políticas e agora publican recomendacións para os creadores deixando claro que os vídeos procedentes de TikTok non terán boa visibilidade.
Para non dar a impresión de que Instagram está simplemente a tomar unha medida contra a competencia son varia as recomendacións que realizan, asegurando que os vídeos que non as sigan terán unha visibilidade reducida, ou sexa, que non serán recomendados por Instagram. Recomendan non publicar en Reels vídeos borrosos por ter baixa resolución, contidos reciclados doutras aplicacións (ou sexa, que conteñan logotipos ou marcas de auga), que presenten un borde aos seu redor ou que a meirande parte da imaxe estea cuberta por texto.
Os Reels con contido reciclado continuarán a ser visibles para os seareiros dos creadores, pero non aparecerán suxeridos ao resto de usuarios, o que reduce drasticamente a súa difusión, medida coa que esperan incitar aos creadores para facer contidos orixinais para Instagram.

PUBLICIDADE