Inside the Lab, o encontro anual do CiTIUS, recupera este venres o seu formato presencial

mércores, 29 de xuño do 2022 S. P.

O CiTIUS vai ser o protagonista do calendario de eventos tecnolóxicos galegos e estatais para este inicio de xullo. En concreto, o centro da USC confirmou que vai acoller este 1 de xullo a sétima edición de Inside the Lab, o encontro anual de demostración tecnolóxica do CiTIUS que retoma este verán, neste tempo postpandémico, o formato cen por cen profesional. Participarán empresas, administracións e profesionais do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Será unha edición especial non só polo regreso do formato habitual senón tamén por coincidir co décimo aniversario do centro.
Desde as 10:00, e ata as 14:00, as portas do CiTIUS volverán abrirse para recibir aos visitantes deste evento dirixido ao tecido socioeconómico, no que se darán a coñecer algunhas das tecnoloxías con selo do Centro Singular de Investigación da USC que se encontren na actualidade nun estado de maduración máis avanzado.
Entre as principais novidades desta xornada o CiTIUS salienta a demostración do novo investigador vinculado do centro, David Glowacki. O científico estadounidense, presentado recentemente nun acto público na Cidade da Cultura de Galicia, realizará unha demostración de seu traballo con tecnoloxías de Realidade Virtual, un ámbito que lidera a nivel mundial, e en torno ao cal estará enfocado tamén o seu primeiro desafío no centro: o proxecto NanoVr, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) con case dous millóns de euros.
Ademais desta demostración, os visitantes de Inside the Lab 7 atoparán tamén outros 11 puntos repartidos polo centro, con información de primeira man sobre as tecnoloxías máis punteiras do CiTIUS en distintos eidos, como o deseño de chips, a lingüística, o procesado de imaxe médica, a exploración interactiva de datos ambientais, o agrupamento automático de series temporais, ou o mapeado e seguimento de datos mediante imaxes multi-hiperespectrais e técnicas LiDAR. De igual xeito, o encontro volverá contar coa presenza de dúas spin-off do centro: Situm Technologies e Inverbis Analytics.
A lista completa de demostradores está dispoñíbel na web oficial do evento, e inclúe vídeos de avance presentados polo equipo responsábel de cada demostrador.

PUBLICIDADE