Innovación presenta Galinux, o sistema operativo libre en galego
xoves, 11 de decembro do 2008
O conselleiro de Innovación
e Industria, Fernando Blanco, vén de presentar, esta mesma mañá en Santiago
de Compostela, o agardado Galinux,
un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para “facilitarlle, a todos os galegos e galegas,
o uso do seu ordenador integramente en galego e con aplicacións informáticas
libres e de balde”.
Trátase dunha ferramenta na que Mancomún, o Centro de
Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, leva tempo traballando a
reo, a fin de ofrecerlle á cidadanía galega en xeral e aos responsables de
empresas e da administración pública en particular, un escritorio ofimático
multimedia de fácil manexo e integramente na súa lingua nai.
Este novo sistema operativo fiable e completamente en
galego, está baseado en Ubuntu, e ademais de tódalas funcionalidades típicas
dun sistema operativo privado, incorpora os principais aplicativos, como o
popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no
OpenOffice.org, un corrector ortográfico de galego, clientes de correo
electrónico, un programa de retoque fotográfico, reprodutores de son e vídeo, gravador
de CD e DVD… todo con actualizacións permanentes de balde, que serán
distribuídas cada certo tempo para manter o equipo ao día.
Esta iniciativa xorde co propósito de dar resposta a unha
demanda crecente de recursos e servizos libres por parte da comunidade galega e
foi posible grazas ao traballo de Mancomún, organismo dependente da Consellaría
de Innovación e Industria, en colaboración coa comunidade galega de software
libre, que aportou os seus coñecementos de código libre e a súa experiencia
neste eido.
Neste evento sen precedentes en Galicia, o conselleiro
nacionalista explicou que o seu departamento “vén apostando decididamente pola introdución das tecnoloxías libres e
os estándares abertos en tódos os ámbitos da sociedade galega” e engadiu
que a promoción do Galinux supón a maiores “unha
oportunidade no actual escenario de crise económica ao apostar pola innovación empresarial, a
internacionalización, a competitividade e a potenciación do sector TIC”.
No acto tamén participou a directora xeral de Promoción
Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, quen agradeceu o “incansable” traballo que realizan todas
aquelas persoas “sensibilizadas” coa
introducción do software libre na nosa comunidade que fan posible que sexamos “ máis independentes tecnoloxicamente
falando”.
Trala intervención de Veiguela, os asistentes puideron
escoitar, e se cabe ata sorprenderse, coas declaracións en primeira persoa de
Claudio Filho, responsable do BrOffice e migración masiva de escritorios en
Brasil, quen contou a súa propia experiencia no traballo da migración cara o
software libre de tódolas aplicacións informáticas e sistemas operativos que
empregaban os sectores da administración pública do seu país, o cal, dixo, “non foi unha tarefa doada máis sí moi
satisfactoria”.
Canles de distribución
Innovación e Industria acompaña o lanzamento do Galinux, “o Linux que fala galego”, con toda unha
serie de medidas para fomentar o seu uso, integradas dentro dos cometidos
asignados ao Centro de Referencia e Servizos (Mancomún).
Deste xeito, ademais da descarga habilitada desta aplicación
dende a web de Mancomún, serán distribuídas de balde ata 5.000 unidades do novo
sistema operativo entre a cidadanía, a través dos centros da Rede de
Dinamización da Sociedade da Información, das asociacións e das oficinas
universitarias de software libre.
Galinux: o
metapaquete de AraOS.
Dende o punto de vista técnico, Galinux é o resultado unha
innovación tecnolóxica que xurdiu dun traballo de prototipado realizado polo
persoal de Mancomún pertencente ao Centro de Supercomputación de Galicia
(CESGA): o AraOS.
Este é un “metapaquete”
que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego,
o que fai poible a creación de adaatacións espeíficas para cubrir necesidades
moi diversas e en sectores moi específicos, de xeito doado e a baixo custe.
O nome procede de mesturar o do coñecido pingüín galego, o
Arao (Uria Aalgae) coas sigras OS (Operative System), seguindo a tradición da
comunidade de softwar libre que identifica o Linux cun destes animais.