Iniciador Galicia desembarca en Vigo o vindeiro mércores

venres, 22 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

As xornadas de emprendedores Iniciador Galicia estrearanse o vindeiro 27 de xaneiro na cidade de Vigo cun relatorio de Javier Martín, enxeñeiro informático moi coñecido na Internet por manter o blog de negocio na Internet Loogic.com.
Martín tamén é socio da consultora Inventa Internet, e tamén participou en emprendementos coma Hostarting (servizo web que compara prezos de dominios e hospedaxes na Internet) e Recomendar.com.
No encontro que comezará ás 19:00 hora na Fundación Caixa Galicia (sita na rúa Policarpo Sanz, 21) realizarase unha análise dos modelos de negocio que son rendibles na actualidade e explicaranse os factores chave de cada un deles, o que resultará de sumo interese para os interesados en emprender nos vindeiros meses. Tamén repasaranse as ferramentas dos medios sociais e explicarase a súa potencial contribución para o éxito na Rede.
Tras o relatorio, coma vén sendo habitual neste tipo de eventos, os asistentes poderán dialogar abertamente con Javier Martín, para contrastar pareceres e expor cuestións de interese para profesionais e emprendedores, o que normalmente é o máis enriquecedor dos encontros Iniciador.
Os interesados en asistir á xornada poden contactar coa organización por correo electrónico ou apuntarse a través de Facebook.

PUBLICIDADE