Iniciador Galicia comeza o ano cunha xornada práctica de creación de startups

mércores, 12 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Este xoves ás 18:00 horas no ITE Caixa Galicia de A Coruña terá lugar unha nova edición de Iniciador Galicia, que desta volta será moi especial, pois en vez do habitual relatorio de pouco máis dunha hora de duración tomará o formato de xornada práctica sobre a creación de startups con Luis Rivera e Álex Barrera da Tetuan Valley Startup School, de xeito que durante 3 horas procurarán condensar o programa de 6 semanas que levan a cabo en Madrid e Barcelona para axudar aos emprendedores (e aspirantes) a pór en marcha a súa idea de negocio.
Na xornada explicarán cómo facer un elevator pitch, buscar financiamente ou tratar con investidores, á vez que destacarán detalles interesantes sobre os emprendementos que habitualmente non explican nos MBA.
Para poder participar do encontro é preciso inscribirse ao mesmo a través de Facebook ou por correo electrónico.

A organización de Iniciador Galicia renóvase en 2011

Organizar os eventos de Iniciador Galicia non é algo doado, de aí que sexa unha labor de equipo, do que tradicionalmente forman parte María Encinar e David Pombar, aos que agora únense para contribuír a manter este iniciativa viva Manu Dibuja (fotógrafo e organizador de eventos a través da súa empresa Forevent), José Iglesias (actualmente involucrado nun emprendemento baseado en redes sociais) e José Manuel Regueiro (emprendedor e consultor de Internet involucrado en numerosos proxectos actualmente). Esta achega de sangue novo á organización destes encontros para emprendedores tecnolóxicos enriquecerán en experiencia, motivacións e enfoques ao equipo responsable de facelos realidade durante os 2 anos que veñen a celebrarse por toda a xeografía galega.

PUBLICIDADE