Informática El Corte Inglés consolídase como provedor de TI europeo

martes, 8 de maio do 2012 Raquel Noya

Stand da OAMI na Reunión Anual 2012 da INTA en Washington DC

A empresa de consultaría tecnolóxica do Grupo El Corte Inglés, IECI, vén de resultar adxudicataria, en UTE con Altia Consultores, dos servizos TI da Oficina de Armonización do Mercado Interior (OAMI/OHIM) da UE, a axencia da Unión Europea encargada do rexistro das marcas, debuxos e modelos comunitarios, para o que tivo que leirar con outros importantes actores do sector.
Esta axencia, que apoia a súa operativa con aplicativos para o soporte do negocio, sistemas de BI, CRM, Remedy ou SAP, entre outros, así como con aplicacións de eBusiness, fixo pública a necesidade de asegurar a estabilidade dos seus sistemas a un único provedor, subscribindo finalmente un contrato marco por un período de tres anos a Informática El Corte Inglés e Altia Consultores, por un importe estimado de 135 millóns de euros.
A OAMI, que esixía simplificar o proceso de contratación dos seus servizos tecnolóxicos e dotar á organización dunha estrutura eficaz para o mantemento dos seus sistemas de información, que soportase eficientemente todas as súas actividades, confioulle á firma española este labor, e dende setembro do pasado ano leva a cabo os servizos de desenvolvemento e mantemento contratados.
A actividade contratada abarca, dende a realización de prototipos, análises, deseño, desenvolvemento, probas e instalación de sistemas de información, ata a provisión da documentación técnica, a formación necesaria e o mantemento integral destes sistemas.
Asemade, os grupos de traballo de Informática El Corte Inglés e de Altia Consultores cubrirán, na súa totalidade, o ciclo dos sistemas de información e o procesamento das distintas fases do rexistro de marcas e deseños, e faranse cargo dos servizos de Internet do organismo.
Entre os principais retos do proxecto destacan, entre outros, a ampla variedade e complexidade das contornas tecnolóxicas utilizadas pola OAMI, así como a diversidade dos perfís de profesionais esixidos e a envergadura da iniciativa. A entidade adiantou que, dentro do acordo, xa se lanzaron ordes de compra por un total de 7,4 millóns de euros.

PUBLICIDADE