InfoMagazine: catro sectores nunha soa revista dixital galega

martes, 27 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Catro sectores nun só medio de comunicación e no centro, servindo de columna vertebral, as novas tecnoloxías como canle que chega a tódolos sectores, tócaos e afonda neles. Así é como describen a web galega www.info-magazine.net os seus responsables, a empresa TLR Soft e o conxunto de editoriais técnicas que achegan contidos a diario. Trátase pois dunha páxina con catro grandes piares (ferretería e subministro industrial, electricidade, electrodomésticos e construción) e un sistema de intercomunicación que os cingue. Amais das novas diarias, reportaxes técnicos e entrevistas, a revista InfoMagazine (de iniciativa galega pero non na nosa lingua, cuestión que probablemente se amañe axiña), recolle toda a actualidade relacionada cos catro sectores devanditos.
Grazas a este carácter multisectorial, informa TLR, os lectores están informados do que acontece a diario nesta parte concreta do noso tecido económico a través dun único boletín de acceso libre e que poden recibir directamente no seu correo electrónico.
A revista inclúe tamén servizos que van encamiñados a mover á interactuación entre as editoriais técnicas e os lectores, como o subministro de notas de prensa mediante un formulario, o envío de novas a outros internautas ou o acceso ó directorio sectorial de empresas e artigos da plataforma TLR Infotarifa, desenvolvida pola dita empresa galega co fin de afianzar a comunicación entre provedores e distribuidores.

PUBLICIDADE