Infinity Blade é o xogo máis rendible na historia de Epic Games

mércores, 27 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O director xeral de Epic Games, Tim Sweeney, participou hoxe no GDC de Taipei cun relatorio no que constatou que o seu xogo para iOS Infinity Blade era “o xogo máis rendible que fixemos nunca”, matizando que se refire á relación entre investimento e beneficios (non aos ingresos totais) pois esta franquía móbil superou os 30 millóns de dólares en vendas o pasado xaneiro, mentres que Infinity Blade II conseguiu xerar máis de 5 millóns de dólares no seu primeiro mes na App Store.
Con estas declaracións Sweeney pretende defender que o actual modelo de negocio dos videoxogos, nos que as grandes producións custan uns 100 millóns de dólares, non é sustentable a longo prazo, considerando que o futuro do sector está no modelo freemium.
Tamén destacou que a súa compañía aposta por unha estratexia de “Unreal Everywhere”, ou sexa, que optan por empregar o mesmo motor para os seus títulos de xeito que non teñen que refacelos para desenvolvelos para distintas plataformas, o que permítelles ter presenza en practicamente todas as plataformas de xogos actuais.

Infinity Blade resultou un investimento moi eficiente para Epic Games, pese a ser un xogo para dispositivos móbiles

PUBLICIDADE