Infinite Undiscovery estrea en España unha nova serie de xogos RPG para Xbox 360

xoves, 4 de setembro do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 183.2 KB

Este venres chega a España Infinite Undiscovery, un RPG de Square Enix para a Xbox 360 que será un lanzamento global co que pretenden en boa medida mellorar as vendas da consola de Microsoft no Xapón, onde tiña moitas dificultades para calar entre un público que non atopaba un catálogo de xogos adaptado aos seus gustos (lembremos que os RPG son o xénero por antonomasia no Imperio do Sol Nacente).
Tralo éxito de Tales of Vesperia e o anuncio de que tamén chegará a saga de Final Fantasy á Xbox 360, Infinite Undiscovery poderá ser moi ben recibido por un público que comeza a entender que este tipo de xogos non se ten por qué limitar só a consolas de Sony. De feito, Microsoft tamén anunciou que en novembro chegará á súa consola The Last Remnant e na primavera de 2009 será Star Ocean: The Last Hope o novo RPG que se lance globalmente para a Xbox 360, o que nos dá a entender que se trata dunha serie de lanzamentos estratéxicos que poden encadear diversión para os xogadores.
Infinite Undiscovery é un xogo de acción en tempo real sen campos de batallas separados do contorno de xogo principal, que nos combates amosa situacións únicas (fuxir de ogros xigantes, fuxir do ataque de dragóns e incluso loitar durante a chegada dun tsunami), conta cuns efectos visuais abraiantes e unha banda sonora de calidade orquestral que nos somerxe na acción. O seu prezo de venda en España é de 59,95 euros, e está dispoñible en exclusiva para Xbox 360.

PUBLICIDADE