Ineo informou en Vigo a 150 empresas da importancia de protexer a súa información na Rede

mércores, 31 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información, Ineo, organizou este martes –man a man con INTECO e o Ministerio de Industria- unha xornada para dar a coñecer as vantaxes da seguridade no eido das novas tecnoloxías da información ó servizo das empresas. É dicir: do que se trataba era de dar a entender que do mesmo xeito que é aconsellable salvagardar os bens e os valores físicos dunha firma, tamén debe selo facer o mesmo coa información, hoxe en día un dos principais alicerces das compañías e, en máis casos do que sería desexable, a moi pouca distancia de portas que se pechan pero que tamén se poden abrir.
O encontro, no que participaron representantes de máis de 150 empresas galegas, desenvolveuse na sede Ineo na Zona Franca de Vigo e estivo encamiñada (tamén) a ofrecer contidos prácticos sobre as diferentes ameazas que hai hoxe na Rede e as máis aconsellables medidas que se poden tomar para cubrirse delas.
Na dita xornada Sensibilización sobre seguridade informática para pemes, que se vai desenvolver tamén en Lugo (logo doutra experiencia previa na Coruña, o 4 de outubro) no mes de novembro, participaron José Cidrás, vicerreitor da Universidade de Vigo e máis Jorge Cebreiro, presidente de Ineo. Esta entidade, no transcurso do evento, volveu a poñer de manifesto o seu papel de intermediaria entre o eido empresarial e as institucións públicas na cuestión da seguridade informática pero tamén noutros ámbitos, como a consecución de axudas en materia de innovación ou a posta en marcha de actividades conxuntas arredor da Investigación e o Desenvolvemento (I+D).

PUBLICIDADE